sábado, 16 de maio de 2020

Feijóo o temerario e as eleccións á polaca

Di o Sr. Feijóo que está orgulloso de que Galicia vaia ser a primeira en decidir votar en medio dunha pandemia e sen garantías sanitarias nin democráticas; cunha campaña electoral que só lle beneficia a el (non é por casualidade  que leva xa dous meses de presenza diaria na TVG culpando ao goberno central de competencias que lle corresponden).

Polonia tivo que suspender precisamente unhas moi polémicas eleccións que ían ter lugar hai unhas semanas. A presión internacional e dos cidadáns polacos en toda Europa enfrentáronse a un goberno de corte conservador dictatorial que si o observamos detidamente, ten moitas similitudes co comportamento dos líderes de VOX e o Partido Popular en todas as autonomías do estado. E non, Feijóo non é diferente. 

Feijóo di que Galicia vai ser a primeira. Será porque Urkullu tamén se anima e marca unha vez máis a axenda. Claro que o Goberno do País Vasco ten moito do que presumir e moito peso no Estado. 

Pero e Galicia? 
Non, Galicia non 

Galicia non vai ser a primeira en facer nada agás envellecer a pasos acelerados porque non ten políticas adecuadas. Nin vai ser a primeira en recuperar texido industrial porque as políticas do Sr. Feijóo resultaron ser tan só un titular na Voz y en El Correo Gallego. 

Galicia non vai ser a primeira en defender súas competencias ou esixir o traspaso das pendentes; de feito,  o Sr. Feijóo pasou os seus 11 anos de goberno sen solicitar unha soa competencia e permitindo que o Goberno central do Partido Popular incumprira o propio Estatuto de Autonomía vulnerando os dereitos do pobo galego que di representar. Agora con Goberno doutra cor, saelle o bravú e pretende facer o que non fixo nunha década. 

Galicia non vai ser a primeira en ter bós investigadores porque emigraron todos e os temos esparcidos polo mundo adiante (logo a Voz nos deleitará coa "conexión galega" dos grandes descubrimentos). 
Galicia non vai ser a primeira autonomía que defenda os proxectos medioambientais e que pense no rural. Non hai máis que ver o estado de abandono do agro en Galicia, o prezo do leite, as tractoradas e proxectos coma a Mina de Touro-O Pino.

Galicia non vai ser a primeira potencia pesqueira e marisqueira. Que lle pregunten aos traballadores e traballadoras do mar que cando chegaron a Europa viron como o marisqueo estaba desaparecido das estatísticas oficiais, e só coa denuncia continua en Bruxelas das propias mariscadoras se puido avanzar un pouco.

Galicia non vai ser a primeira no ranking en prazas de centros sociais e residencias de maiores públicas porque o Sr. Feijóo deu carta branca e privatizou casi todas as prazas dispoñibles (eso sí, pagadas con cartos públicos).

Galicia non vai ser a primeira en facer os test ao persoal sanitario. Galicia non vai ser a primeira en número de camas de hospitais públicos. Galicia non vai ser a primeira en aprobar axudas aos autónomos, nin a primeira en anunciar axudas; Feijóo acaba de facelo á desesperada e cando non lle quedou máis remedio, porque ten que sacar peito para a campaña electoral.

Galicia non vai ser a primeira en xestionar os expedientes dos ERTES, por iso hai miles de galegos e galegas que levan casi dous meses sen recibir un salario... e así poderíamos seguir ata a saciedade. 

Galicia, co Sr. Feijóo, segue a ser a última en casi todo. Merecemos un Goberno do que SI poidamos dicir que puxo a Galicia primeiro que nada. E ese non vai ser un Goberno con Feijóo á cabeza. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario