xoves, 18 de decembro de 2025

Reflexións personales para un tempo de cambio - Felices festas e feliz 2026

Estes dous últimos anos foron anos duros; anos de perdas personales importantes. Referentes políticos, sociais, amigos e mesmo familiares abandoaron este mundo e levantaron vóo ao universo espiritual. E para superar os duelos é preciso tempo e espacio, o mesmo que precisamos para curar feridas. 

Miña avoa sempre decía que o universo é sabio porque inventou o tempo que todo o cura ou alomenos dános a posibilidade de ver con perspectiva as cousas. Así é. Todo pasa, nada permanece. A dor atenúase a pesares do presente continuo das ausencias. 

Vivimos un fin de ciclo que nos trae outro ciclo novo, e no que son esenciais as reflexións profundas para comprender o que podemos e debemos facer e  tomar decisións relevantes. A nosa historia escribímola nós consecuentemente coa nosa memoria histórica.

E por todo isto que este blog estivo bastante parado. Para poder ter unha mellor perspectiva de utilidade e dosificar o esforzo coas prioridades que tocan neste intre.  

O xenocidio de Palestina marcou e marca tamén un cambio brusco de rumbo en valores humanos e dereitos fundamentais en todo o mundo. Estamos a vivir unha pelexa entre luces e sombras que afecta a todas e todos aínda que moitos continúen vivindo na negación ou na ignorancia. A pelexa vai ser aínda máis difícil e dura. Pero non temos outra alternativa que gañala. 


É, como digo, hora de reflexionar que esforzos merecen a pena e cales non. É momento de facer as cousas mellor para poder coidarnos mellor. É hora de non perder o tempo en loitas que non aportan nada. É o momento de respirar profundo e pensar no que é útil nas nosas vidas e ata onde podemos aportar algo ou incordiar. 

A miña primeira conclusión é que o tempo do voluntariado rematou dende o momento en que unha vese na obriga de estar si ou si e non respecta as propias necesidades de descanso; no momento en que as esixencias externas presiónanche para facer un traballo voluntario que non é o que un quere facer, ou como o quere facer, e fórzanche a usar mal o teu tempo persoal. O tempo do voluntariado remata dende o momento en que se abusa do voluntario ou voluntaria. 

A miña segunda conclusión é que precisamos definir ben as prioridades. Que ninguén é imprescindible, mais neste momento histórico que nos toca vivir tod@s somos necesari@s; e como non voltemos aos principios máis fundamentais do humano, estaremos perdidos nós, e as xeracións vindeiras. 

A miña terceira conclusión é que precisamos priorizar a saúde mental, emocional e espiritual por enriba de calquera outra cousa. Porque se non estamos equilibrados e serenos, a transmisión de ideas e de accións só poden traer confusión e destrución. 

Por iso, e ista é a miña conclusión final, este blog seguirá activo na medida que eu poda, sempre dosificando a miña enerxía e as miñas posibilidades. Seguirei tratando de aportar o mellor de min pero ao meu ritmo e sen esixencias de ningún tipo. 

E era algo que quería compartir con vós. Tende felices festas. Coidádevos moito e sobre todo, coidade as emocións e tratade de non perder as ganas de construir e vivir. Feliz 2026.





Ningún comentario:

Publicar un comentario