mércores, 7 de xaneiro de 2026

Dános a vida salvar vidas : adoptar coa Asociación Abeiro #mascotas #peludos #gatos #refuxio #cans

Sempre tivemos gatos e cans na casa, dende pequenos. A nosa vida transcurríu sempre entre eles, ese seres que nos ensinan e nos dan tanto. Naqueles anos era moi habitual ver salvaxadas nas rúas da Pontepedriña e foron moitos as crías que salvamos de afogar no río. Afortunadamente moito se avanzou, pero non é suficiente aínda. 

Sabemos o difícil que é buscar familia que as acolla e lle dean unha vida digna e protexida. Eles dan todo. Nós dábamos todo o que podíamos, tendo en conta como evolucionou o coidado de mascotas nos fogares e as leis de protección animal. 

Hai uns anos, depois dous duelos das miñas mascotas, decidimos non ter durante un tempo esa responsabilidade. Colaborábamos no que podíamos con asociacións de rescate e protectoras de animais, pero non nos decidíamos a adoptar un novo membro da familia. 

Hai uns meses, a cousa cambiou e falamos de ir mirando. A idea sería ter dúas femias na casa (coma as que tivemos hai anos). Foi así que decidimos poñernos en contacto coa Asociación Abeiro e visitamos o refuxio. É admirable o labor que fan e como, con poucos recursos, habilitaron un espazo para aqueles seres non tan afortunados e unha rede de casas de acollida. Contan dende as súas redes sociais que ás veces vense desbordadas e que lles rompe o corazón cando non poden facer máis. Moitos gatos e cans non teñen sorte e abandoan este mundo sen un fogar que os acolla.

A nosa visita ao refuxio foi moi grata. Sorprendente. Explicáronnos as normas de adopción e os procedementos a seguir.  E tomamos a decisión de adoptar a "Siam", que en principio pensaron era femia e resultou ser macho. Dános igual, estamos encantados. "Siam" pasou a ser chamado "ISIS", como o gato de Star Treck, ou como a deusa exipcia. 

En poucos días estáse adaptando á nosa casa, ás nosas costumes, ao noso ritmo. E nós estamos reaprendendo de novo a convivir cun peludo xoguetón, que ben seguro vai facer moitas trasnadas e darnos algún que outro susto. 

Dende este blog, animámosvos a adoptar ou acoller. Animámosvos a colaborar coa Asociación ABEIRO no que podades: asociándovos, doando ou aportando algunha axuda nas recollidas de alimentos que fan de cando en vez en KIWOKO (nas Cancelas). Toda axuda é importante por moi pequena que sexa. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario