venres, 10 de xuño de 2016

Debates no Reino Unido: As voces que poden gañar o Brexit, as voces que poden evitalo #Brexit #EUref #UK

Paradóxicamente só as voces dos líderes escoceses poden convencer de que continuando na UE pode haber mellor futuro para Reino Unido. 

Nos debates sobresaen pola súa paixón, os seus estudados argumentos e o seu convencemento e, o mais importante, desmontan con contundencia os argumentos da campaña pro-Brexit.

Angus Robertson, voceiro do SNP en Westminster, Alex Salmond, ex-primeiro ministro escocés e responsable de Relacións Internacionais do Scottish National Party e por suposto, a Primeira Ministra Nicola Sturgeon, son sen dúbida, voces que dende os medios de comunicación se pretende acalar e ocultar, á vez que se presenta a posible independencia de Escocia coma unha ameaza. Pero sen eles a permanencia de Reino Unido na Unión Europea non vai ser posible.


Un dos debates mais importantes, dende o meu punto de vista, tivo lugar na ITV anoite. Un debate no que participaron Nicola Sturgeon (defendendo a permanencia de Reino Unido na UE) e Boris Johnson (defendendo Brexit). Con eles, compartindo panel, outras catro mulleres; si, Johnson era o único home do debate.

A oratoria de Nicola Sturgeon e a súa disposición a debatir e argumentar positivamente chocou coa visión do resto dos participantes no debate. A súa visión internacionalista, a súa clara aposta por nacións independentes traballando xuntas para defender o concepto de soberanía, a defensa dos dereitos das mulleres e dos traballadores, das políticas sociais... foron argumentos de peso que se distanciaban do xeito de debatir das súas compañeiras na defensa da campaña #REMAINinEU. Tamén á hora de denunciar contundentemente os argumentos basados en mentiras da campaña #VoteLEAVE, aos que acusou de alarmistas e negativos, o que lle valeu que Boris Johnson lle botase en cara as críticas realizadas polo SNP contra o xa coñecido "Proxecto Medo" que busca evitar a saída de Reino Unido a toda costa (nesta dirección están o Primeiro Ministro Cameron e os ex-Primeiros Ministros Major, Blair e Brown).

Os defensores do Brexit semellaron estar mais relaxados no debate e iso notouse nos comentarios nas redes, nas que non faltaron tamén insultos e ofensas dirixidas á Primeira Ministra de Escocia.




Moitas críticas aos Laboristas; as voces tóxicas de Tony Blair (pendente da publicación do informe Chilcot sobre a guerra de Irak, o 6 de xullo) e Gordon Brown (e as súas constantes promesas que nunca cumpre, e por tanto sen credibilidade en Escocia) poden provocar o efecto contrario do que   buscan, xa que ademais da súa toxicidade, non dubidan en facer campaña man con man cós Tories e tirar pedras contra o seu propio tellado.

O actual lider laborista Jeremy Corbyn é consciente do resultado que tivo para o laborismo escocés o compartir plataforma cós conservadores durante a campaña de #indyref, e se coida moi moito de mezclarse con eles. Corbyn, que está recibindo brutais e inadmisibles ataques por parte de Tony Blair, fai campaña ao seu xeito, por libre, con mensaxes escuetas e con moito sentido do humor, por certo.
A páxina web da Oficiña de Rexistro Electoral quebrou, o que foi motivo de durísimas críticas, especialmente na voz de Alex Salmond quen acusou directamente de enorme incompetencia ao Goberno de Cameron.


Durante estes días tamén houbo polémica coas declaracións de Mariano Rajoy, quen se manifestou en contra do Brexit, facendo mención dos 100.000 españoles que traballan en Reino Unido (seguro que son moitos mais que esa cifra) e os 400.000 británicos que traballan en España (os que viven en España xa xubilados ben seguro non están incluidos). Mariano Rajoy xa tivo un papel claro durante o referendo de independencia de Escocia, e continúa atendendo ás chamadas desesperadas de David Cameron, de quen din que sexa cal sexa o resultado, ten sinalada a porta de saída dende hai xa moito tempo. A pregunta é: son contraproducentes estas presións dende o estranxeiro dalgúns mandatarios?

( video grabado da web da Moncloa - entrevista feita por Axencia EFE) 



A menos de 15 días da votación nada está decidido. A variabilidade das enquisas indican que calquera cousa pode pasar, pero que sexa cal sexa o resultado, vai estar moi axustado. O 23 de xuño, Reino Unido decida permanecer ou marchar da UE, a actual Europa vai ter que cuestionarse moitas cousas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario