domingo, 26 de xuño de 2016

Escocia ten o destino marcado ante o caos de Westminster #ScotlandinEurope #Scotlandismyhome

Tempos interesantes, si, tempos interesantes produto das nefastas políticas e mensaxes populistas, insolidarios e xenófobos da dereita e extrema dereita británica e europea.

O referendo non era vinculante, terá que ser aprobado en Westminster, onde semella reinar o caos non só entre os Tories, senón tamén entre o Partido Laborista.

No caso dos conservadores a guerra interna estaba clara durante a campaña e intuíase unha crise de maior envergadura de gañar o Brexit. Crise gobernamental que é difícil prever como vai rematar. Sucédense os nomes para substituír a David Cameron como Prime Minister, pero ninguén deles é seguro.

No caso dos Laboristas, aos Blairistas engádeselle a esta nova realidade a publicación, o 6 de xullo, do informe Chilcot sobre a guerra de Irak, que pon a Tony Blair no punto de mira camiño dos Tribunais de dereitos humanos. Quizais por iso, os seus partidarios estanse apresurando en pedir a cabeza de Jeremy Corbyn como líder laborista, sementando con iso outra fumareda de confusión.

En Irlanda do Norte, o Sinn Féin apresurouse a pedir un referendo para decidir a unificación das dúas Irlandas moi preocupado por que as condicións do “Acordo de Venres Santo” podan verse afectadas polo Brexit.

E en Escocia? A diferenza de ter unha líder forte, segura e responsable que non deixa de recibir apoio, tanto dende o exterior coma dende o interior,  marca a diferencia ; e o mais importante,  voces que en 2014 non foron  favorables á independencia de Escocia, amosan agora o seu inequívoco respaldo á Primeira Ministra.

A conexión con Europa e a situación d@s residentes europeos nas Illas non pode deteriorarse e tanto  Nicola Sturgeon como o Alcalde laborista de Londres, Said Khan  coincidiron en lanzar mensaxes de agradecemento e benvida aos miles de cidadáns europeos que viven e traballan na  Gran Bretaña. Sturgeon foi mais alá comprometéndose a protexer os dereitos de tod@s os residentes europeos en Escocia: “Esta será sempre a vosa casa”

Lémbremos que a prensa tradicional en Escocia xogou un papel propagandístico moi importante durante a campaña do referendo. As cousas acaban de mudar radicalmente. Si o modo pánico se instalou en Reino Unido, a indignación e a ratificacións dos seus dereitos democráticos soa é unánime no pobo escocés.

A análise do Editor político do Herald Scotland e as portadas do sábado do tan polémico Daily Record (que correu a alentar incondicionalmente os movementos que faga a Primeira Ministra de Escocia, Nicola Sturgeon) marcan unha viraxe radical.

O Herald Scotland avisou antes da votación do 23 de xuño, que caso do xa coñecido resultado, revisarían a súa postura oficial contra a independencia. Niso andan. E o Daily Record, un dos xornais mais activos  contra a independencia e "culpable" de publicar as falsas promesas do "Vow", apresurouse a rectificar tamén agora para asombro de moit@s.
As primeiras enquisas a favor da independencia dispáranse o 60%  e tanto o Partido Liberal Demócrata coma o Partido Laborista escocés valoran dar o paso e iniciar sen complexos este camiño, que sería a última das decisións a tomar polo Goberno escocés, feitos previamente  todos os deberes, reunións, consultas e pasos anunciados oficialmente pola súa máxima representante.

En días vindeiros veremos os primeiros pasos de Escocia na súa loita de permanecer na UE, na premisa de defender os seus intereses e o seu status. Posiblemente empezaremos a coñecer por fin os detalles dende o Goberno británico do que pensa facer a partires de agora.

E que papel debe ter o Goberno español?  Primeiramente terán que explicar a súa posición sobre Escocia e Norte de Irlanda e posiblemente, moitos dos lideres do Partido Popular vivirán de por vida coa sombra da neglixencia da súa política internacional cara a Reino Unido, e en concreto con Escocia. Sexa quen sexa quen goberne en Madrid e aquí en Galicia,  xa pode empezar a fortalecer as relación con Escocia, para defender os intereses galegos, que son moitos, especialmente no ámbito da pesca; os mesmos intereses que o Sr. Mariano Rajoy se encargou de ignorar cando se dedicou a interferir nun proceso externo, tendo tanto lixo que limpar na súa casa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario