
Será que o Goberno galego non se
manexa ben nas redes? Será que a conta
oficial da Xunta foi pillada compartindo
varias veces idéntico contido que a conta oficial do PP de Galicia? Será que
malia os centos de contas con perfiles falsos e troles, as redes sociais
funcionan como medio alternativo de información que non atende a subvencións, e
iso, claro está, non mola?
O Sr. Feijóo , que critica o “postureo” da
política actual, intúe que grande parte
das redes sociais escapan ao seu control e dan voz a grupos de persoas ás que
dende o seu Goberno se lles quixo ou quere acalar. Quizáis descoñeza que quen
nos movemos no twitter estamos moi en contacto có que acontece na rúa, cós
problemas da xente do común; somos cidadáns aos que non nos gusta a realidade manipulada que nos presentan cada día os
propagandísticos medios de comunicación constantemente subvencionados por un goberno
desconectado totalmente da realidade do seu pobo, goberno que desgraciadamente
prefire outras compañías máis selectas.

O Sr. Candidato do PP prefire
estar en contacto coa realidade que se debuxa dende os despachos; prefire,
como non, estar en contacto con amizades que lle poñen ao día do que é mellor
para a elite á que representa, elite que choca radicalmente coas necesidades da
maioría da poboación galega.
Feijóo prefire estar en contacto
coas portadas dos medios, financiados
con cartos de tod@s polo seu goberno, que lle fan o xogo aos intereses e
interesados que camiñan da súa man; prefire
ler esas noticias debuxadas con mensaxes subliminares para mover ás ovellas dun
lado a outro; iso sí lle mola, claro, e non a realidade que se plasma nas redes
sociais, nas que moitas veces nos convertemos en reporteiros circunstanciais
para amosar realidades silenciadas ou presentadas interesada e parcialmente nos
medios afíns ao Sr. Presidente.
Quizais se tiveramos medios de
comunicación decentes e verdadeiramente independentes non teriamos que emigrar en
desbandada ás redes sociais coñecedores, é tan evidente, de que hai certos problemas
graves no país dos que nunca se vai informar amplamente porque esa non é a
realidade da que nin o Sr. Núñez Feijóo nin o seu Gabinete queren presumir, nacional
e internacionalmente.

Hai xa tempo, Sr. Feijóo, que a
xente do común está ansiosa por teren alternativas, tanto mediáticas como de
goberno. E non é postureo, é cansanzo, é indignación, é necesidade de
sobrevivir nun pais que tamén é noso e non só duns poucos.
Por certo, nada di o Sr. Feijóo
do WhatsApp… recibiría xa algunha mensaxe de ánimo de Rajoy?
Artigo tamén publicado no Sermos Galiza
Artigo tamén publicado en 21noticias.com
Artigo tamén publicado no Sermos Galiza
Artigo tamén publicado en 21noticias.com
Ningún comentario:
Publicar un comentario