Recoméndovos que leades especial atención este impresionante artigo de opinión que salíu publicado en Sermos Galiza hoxe, 20 de novembro. 
"O fascismo precisa amnesia, precisa desmemoria, evita todo o que poida 
levar aos reencontros, precisa entregarse en corpo e alma á ardua tarefa
 de falsificar os feitos" analiza María Xosé C. Trillo.
As persoas que viviron o golpe de Estado do 1936, en especial os 
durísimos anos 40 e 50 , en plena expansión dos resortes da colonización
 franquista, desposuídas de case todo: do benestar físico, psíquico, 
político e intelectual…  asistiron, sen case poder dar un chío, ao 
desmantelamento de todo o que as identificaba no seo da súa propia 
cultura.  
Moit@s desaprenderon a falar galego, catalán, euskera…  porque se lles inculcou iso de que a letra con sangue entra, e con tormentos da mente e disuasorios regretazos nas mans.
"Moit@s desaprenderon a falar galego, catalán, euskera… porque se lles inculcou iso de que a letra con sangue entra, e con tormentos da mente e disuasorios regretazos nas mans".
As vítimas do franquismo asumiron, pura lei da sobrevivencia, o que 
se podía  ou non se podía facer, a legalidade franquista imposta. 
Anulada e petrificada polo terror, a cidadanía carece dunha real 
 vontade de participación e de enerxías para reaccionar ante a inmensa 
magnitude das atrocidades despachadas sen miramentos por un réxime que 
con tantos aliados contou e que, como é ben sabido, privou á poboación 
de case todo no nome da súa cínica  austeridade e da consabida épica 
franquista de liberar España do monstro con milleiros de cabezas 
expresado polo modelo económico  e os ideais dunha futura  sociedade 
tecida con principios, quer comunistas, quer anarquistas. 
A proeza épica do fascismo español e a defensa dun modelo de Estado 
feito a medida dos intereses da oligarquía capitalista española do 
momento, ben valía o ter que soportar o mal menor de facer 
fracasar o modelo republicano electo nas urnas no 1936 - onde o pobo 
falou porque os pobos tamén se pronunciaron e comezaron a manifestar as 
súas realidades nacionais-  e apandar cun golpe de Estado, seguido de 40
 anos de ditadura  severa  e constantemente salpimentada con  doses de 
purísima represión. Represión que se cebou cos sobrevivintes na contenda
 e cos seus familiares e que levou ao exilio e á desaparición de tantos,
 tamén nenas e nenos aos que privou para sempre de nai, pai e 
familiares. O reparto dos bens sociais, naturais  e humanos  ficou así, 
durante moito tempo, reservado para o exclusivo uso e abuso das 
 privilexiadas familias sometidas de por vida aos designios e caprichos 
do ditador, mais cunha ampla marxe para realizar todo tipo de operacións
 e de negocios asegurados e garantidos polo único mérito de dobregarse 
ante as ordes do único deus-pai-lexislador que Franco representaba para 
elas. Todo controlado por dentro e os excedentes a facer divisas fóra.
Un pequeno malestar (fame, desnutrición e miseria mental e 
moral) - enfatizaban- pois liberada quedaba a España das poutas do peor 
dos inimigos: o diaño encarnado nos ideais do comunismo e do anarquismo 
e, de vez,  dos nacionalismos históricos que tanto teimaban en 
independizarse da gran proeza imperial do feixismo.
É  tan absurdo defendelos, entón e agora, como tentar imporlle as 
mulleres que deixen de darlle de comer @s fill@s para @s liberar 
definitivamente de futuros tormentos que imaxinarios  monstros lles 
poidesen chegar a producir. 
"Tivo a ousadía de matar e gobernar pola eficiencia do seu propio autoritarismo. E tirou, peito para adiante, acompañado por todos os seus seguidores e cómplices".
Porén, así actou Franco, o gran devorador dos monstros que poboaban  na imaxinación da xente, quen  conseguiu o outo obxectivo
 de os implantar eficazmente na realidade e na súa delirante visión da 
vida. Deixar á xente con fame  e permanente malestar por naceren, por 
existiren, por seren diferentes, por pensaren nas antípodas do séquito 
dos elixidos, e sempre confortados, pola graza de Deus. Tivo a ousadía 
de matar e gobernar pola eficiencia do seu propio autoritarismo. E 
tirou, peito para adiante, acompañado por todos os seus seguidores e 
cómplices. 
Os golpistas só queren mortos anónimos, deitados nunha fosa común, 
sen nome e apelidos, sen ritos de condolencia por parte dos seus, sen 
testemuñas de vítimas ou vítimas que lles rebenten o tinglado. Nada que 
lles lembre a desfeita e a morte que causaron e tempo, moitísimo tempo, 
para facer que todo sexa esquecido como se nada do feito  acontecese en 
realidade, como se as vítimas fosen produto do imaxinario dos que 
desprezan o fascismo e non saben ver del máis que as súas vítimas. 
Era difícil sabotealos, golpear un sistema férreamente blindado desde
 fóra, máis houbo valentes que o intentaron de forma case permanente. 
Sabémolo malia o inmenso exercicio que o réxime fixo para desprogramar 
calquera resistencia, por mínima que esta fose. Nisto Franco tivo un 
tino milimétrico, e admitámolo, un moito de teatral. Foi  un asasino, 
mais un asasino útil, porque contiña o avance das alternativas ao 
sistema capitalista e non puña en cuestión o modelo de explotación 
mundial dominante. 
"O fascismo precisa amnesia, precisa desmemoria, evita todo o que poida levar aos reencontros, precisa entregarse en corpo e alma á ardua tarefa de falsificar os feitos"
O fascismo precisa amnesia, precisa desmemoria, evita todo o que 
poida levar aos reencontros, precisa entregarse en corpo e alma á ardua 
tarefa de falsificar os feitos, cambiando os referentes, confundindo de 
forma proverbial ao pobo que no fondo- eles saben-  sempre 
estará sedento de verdades. Se estas se resisten a emerxer, o deber do 
fascista é crealas, fabricalas en serie, e en serio, ata lograr moldear 
con elas a conciencia colectiva, e deixar pasar o tempo, para que 
xerminen definitivamente como o auténtico inconsciente colectivo 
acumulado pola historia: Nada foi, non pasou nada. Todo permanece oculto na mesta escuridade.
E logo darse tempo para esquecer a autoría dos feitos e sortear con 
éxito a rendición de contas, ata pensar que xa non se ten nin idea de 
quen realmente foron aqueles facedores  de mentiras que irrumpiron na 
historia simulando seren os lexítimos depositarios de  espléndidas verdades. 
Enganos  e mentiras fabricados para ocultar os feitos, para tapar os 
crimes e tamén para non ter que soportar que alguén lles recrimine nada.
 Pois é case lei histórica que ningún ditador aturou, nin atura, a fama 
de ter que selo para sempre.  Eis a outra cara do maxistral golpe do 
franquismo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario